Cando me preguntan familiares ou coñecidos, Lucía, e ti a que te dedicas? E eu contesto, son directora de marketing nunha empresa tecnolóxica no sector da hostalería, a persoa ao outro lado pode ter dúas reaccións: ou ben pedirme que lle explique con máis exemplos a que dedico a miña xornada laboral (e eu encantadísima de contestar) ou dar a primeira resposta por válida, quedar igual a como estaba e non querer saber máis, que mágoa!
Recoñezo que hai moito descoñecemento do que facemos os e as profesionais do marketing, e os anuncios de emprego que campan por LinkedIn ou Infojobs non axudan a dar clarividencia ao asunto. Parecen auténticas cartas aos Reis Magos, onde se mesturan 4 ou 5 postos de traballo nun só perfil. Somos as persoas que facemos contidos en redes sociais, os que nos dedicamos a alimentar blogs, que agora a IA xa os fai por nós, os que facemos merchandising, e tamén vídeos, reels, gifs e mil formatos máis. Tamén facemos páxinas web, que con WordPress xa o temos feito, creamos textos que vendan de forma axeitada un produto e deseñamos as imaxes, vai todo no combo, non? Preparamos eventos, podcast, presentacións e somos os que non debemos ter vergonza á hora de falar en público ou explicarlle a un cliente por que debe contratar a nosa empresa. Ademais preparamos anuncios en Google, Meta, LinkedIn, programática e sabemos analizar os KPi ou métricas máis importantes da nosa páxina web. E isto é só un pequeno exemplo dalgunhas das nosas tarefas, somos auténticas navallas suizas. Somos, ou queren facernos ver que debemos selo?
Markea, a Asociación Galega de Marketing, naceu no ano 2012 co obxectivo de fomentar e dar a coñecer o papel do marketing como xerador de riqueza en calquera empresa, sexa grande ou pequena, e independentemente do sector ao que pertenza. O marketing non é exclusivo do dixital nin de persoas visionarias. Tamén buscamos definir o papel da persoa profesional do marketing, e os diferentes cargos ou roles que poden darse dentro dese enorme paraugas que é a especialidade do marketing. O marketing xera riqueza e diferenciación, e está en todas e cada unha desas pequenas accións que poden pasar desapercibidas ao ollo humano.
Pensa nunha cociñeira que abre un restaurante. Se ofrece pratos típicos da zona onde abondan os turistas, está facendo marketing: identificou unha necesidade (os turistas queren probar a comida local) e deu unha solución. Un político que utiliza LinkedIn para dar a súa opinión sobre temas de interese público e escoitar a preocupación da cidadanía tamén está facendo marketing. Cando na túa panadaría teñen expostas unhas galletas moi apetecibles para que as leves xunto coa túa barra de pan habitual, tamén están facendo unha estratexia de marketing sen sabelo.
Voltando á pregunta, a que carallo se dedica unha persoa directora de marketing, direi que somos eses que trazamos unha estratexia para que as empresas nas que traballamos, ou coas que traballamos, xeren máis negocio, incrementen o seu número de clientes, o seu traballo teña máis recoñecemento ante os demais e polo tanto, aumenten os seus beneficios. Un obxectivo que persegue calquera negocio, non si?
–Lucía González-
Vicepresidenta de Markea (Asociación Galega de Marketing)